Plató

Situado na localidade coruñesa de Ordes, a medio camiño entre A Coruña e Santiago de Compostela, o plató de Tex45 é unha das instalacións máis modernas e equipadas de Galicia. Pensada para prestar todo tipo de servizos a produtoras audiovisuais, dispón de innumerables espazos destinados a desenvolver traballos de calidade nun ambiente de traballo óptimo, grazas á infinidade de medios dos que dispón.

fachada

Equipamento

O plató de Tex45 Producións transfórmase en 2017 como espazo logo de máis de vintecinco anos combinando a súa actividade entre os sectores audiovisual e do lecer nocturno como discoteca. A versatilidade dos seus case 4000 metros cadrados fixo que ao longo destas máis de dúas décadas acollera a decenas de programas de televisión e producións audiovisuais, reforzando de xeito constante o seu equipamento coa vista posta na actualidade, cando logo de máis de seis meses dunha profunda remodelación convértese nun espazo exclusivo destinado aos servizos audiovisuais.

Dispón dun sensacional equipamento de medios técnicos relacionados coa imaxe, o son e a iluminación, que destacan pola súa funcionalidade. As diferentes salas e estudos do plató dispoñen de todo tipo de recursos para que a experiencia de calquera produtora nas instalacións de Tex45 sexa completa desde as tarefas de preprodución, a rodaxe, ata a edición e a posprodución.

plató

Espazos

Case 4000 metros cadrados divididos en tres plantas que acollen diferentes espazos que recollen todos os servizos relacionados coa produción audiovisual. Na planta baixa sitúanse tres oficinas de produción, con máis de trinta postos de traballo equipados con conexión a internet de alta velocidade. Un espazo destinado a unidades móbiles de televisión abre o camiño cara o plató principal, de máis de 1000 metros cadrados diáfanos de plata e ata tres alturas. Na parte posterior da planta baixa ubícanse oito camerinos, salas de reunións para dirección e produción, e as salas de maquillaxe e peiteados.

sala
camerino

Na primeira planta atópanse o control de realización e son e dúas salas de edición equipadas, ademais dun amplo almacén e un segundo plató de menores dimensións. Na segunda planta, un terceiro almacén completa as instalacións dun espazo cómodo, funcional e versátil.

plató

Servizos

O plató de Tex45 en Ordes ofrece todo tipo de servizos relacionados coa produción audiovisual, tamén relacionados cos contidos. Un equipo de produción propio con máis dunha década de experiencia no sector asume tanto os proxectos propios da produtora como os dos nosos clientes. Diferentes acordos con empresas do sector en Galicia permítennos, ademais, ofrecer todo o que para calquera produción audiovisual se pode precisar.

Ubicación

O noso plató ubícase na localidade coruñesa de Ordes, a vinte minutos da Coruña e a quince minutos de Santiago de Compostela e do aeroporto de Lavacolla, conectado a través da autoestrada AP-9 con estes tres puntos. Dispón de aparcadoiro propio, e dunha ampla oferta de servizos na zona (aloxamentos, restaurantes e locais de lecer).

ordes